A petición da coordinadora da Área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do CSIC, Isabel Medina, e do director do IIM - CSIC, Antonio Figueras, o Estudio Arousa foi convidado a participar nunha xornada de divulgación científica. Estas xornadas teñen como obxectivo achegarse a outras áreas do coñecemento científico e celébranse na sede do IIM en Vigo.
Estudio Arousa presentou a súa visión estratéxica, un proxecto holístico e integrador que debería incluír todos os sectores representativos do complexo contexto da Ría de Arousa. Deste xeito, convidouse á colaboración de áreas de coñecemento tan fundamentais para o equilibrio do ecosistema da ría como a biotecnoloxía, a acuicultura, os recursos mariños ou a tecnoloxía dos alimentos, todos eles departamentos do Instituto de Investigacións Mariñas.