O evento terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea o vindeiro mércores 8 de novembro ás 19.00 h.
Desde 2006, máis dunha trintena laureados co Nobel e outros premios de igual relevancia tomaron contacto coa USC a través deste programa de divulgación científica. Nesta edición ConCiencia colabora coa Pritzker Foundation, facendo así posible que Santiago acolla en primicia o avance do documental do Premio Pritzker 2023, unha peza audiovisual que inclúe imaxes exclusivas da cerimonia de entrega do premio intercaladas con comentarios sobre a súa obra a cargo de anteriores galardoados e membros do xurado.
David Chipperfield dará unha conferencia tras a proxección do documental. Este acto contará tamén coa intervención de Plácido Lizancos, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e, no coloquio que pechará a sesión, participarán Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC; a arquitecta e autora de 'Hungry City' Carolyn Steel; Luciano Alfaya, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia; e Luz Paz Agras, profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
—
Acceso aberto sen inscrición, por orde de chegada e ata completar aforo. A sesión desenvolverase en galego e inglés, e os asistentes que así o desexen terán á súa disposición receptores de tradución simultánea ao galego na entrada do auditorio.