Esta plantación por parte do alumnado –maioritariamente de castiñeiros, carballos, sobreiras e acivros– promove nos máis novos unha planificación sostible do monte, revertendo o crecemento invasivo das plantacións de eucalipto. A xornada contou tamén coa solta dun exemplar de miñato real que fora tratado no centro de recuperación de fauna silvestre.
A actividade encadrouse no proxecto Monte Vivo, que o instituto de Rianxo botou a andar hai dous cursos cun proceso de transformación do patio escolar, que fora cercado polo lume en marzo de 2019. Desde entón, o centro pon en práctica numerosas accións para vincular a práctica educativa co territorio e as comunidades, favorecendo un modelo de aprendizaxe máis activo e participativo.
Trátase dunha iniciativa que comezou en solitario pero que en 2021 recibiu o pulo e o recoñecemento do Laboratorio Ecosocial do Barbanza –proxecto coordinado pola Fundación RIA–, cando unha das súas propostas resultou sendo unha das tres iniciativas financiadas pola convocatoria de Proxectos Semente. Desde entón recibe o apoio e a colaboración do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.